Saltar ao contido

Pesca

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pescadores en Sri Lanka.

A pesca é a extracción de organismos acuáticos do medio onde se desenvolveron para diversos fins, tales como a alimentación, a recreación (pesca recreativa ou pesca deportiva), a ornamentación (captura de especies ornamentais) ou a industria, incluíndo a fabricación de comida para o alimento de animais en crianza e a produción de substancias con interese para a saúde -como o "famoso" aceite de fígado de bacallau.

Características

[editar | editar a fonte]

Esta definición engloba o concepto de acuicultura en que os individuos capturados son primeiro criados en catividade en instalacións artificiais apropiadas como tanques, gaiolas ou viveiros. As bateas están a medio camiño entre a acuicultura e a pesca propiamente dita.

As principais especies explotadas na actividade pesqueira no mundo pertencen aos grupos dos peixes, dos crustáceos e dos moluscos. Non obstante, o home tamén cultiva e captura varias especies de crocodilos, batracios (principalmente ras), mamíferos mariños (principalmente baleas) e algas.

Segundo "O Estado das pesqueiras e da acuicultura no mundo", unha publicación da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), a produción de peixe no mundo foi en 2002 superior a 94 millóns de toneladas coa actividade extractiva e máis 50 millóns coa acuicultura. Estímase que o peixe fornece actualmente preto do 16% da proteína consumida polo ser humano. A pesca é igualmente unha importante fonte de emprego, contribuíndo enormemente á economía mundial.

Pesca e pesqueiras

[editar | editar a fonte]

A pesca é o propio acto de capturar animais acuáticos ou de crialos: unha pesqueira é o conxunto do ecosistema e de todos os medios que nel actúan –barcos e artes de pesca– para capturar unha especie ou un grupo de especies afíns (por exemplo, a pesqueira de arenque do Mar do Norte, a pesqueira de bocarte do Perú e Chile). Así e todo, pódese falar tamén das pesqueiras de camarón de Madagascar porque inclúen unha compoñente industrial e outra artesanal ou as pesqueiras de atún porque teñen diferentes especies e son capturadas en diferentes océanos.

A pesca na historia

[editar | editar a fonte]

Desde tempos inmemoriais, a pesca sempre formou parte da cultura humana, non só como fonte de alimento, senón tamén como modo de vida, dando identidade a innumerables comunidades e como obxecto artístico. A Biblia ten referencias á pesca e mesmo a icona dun peixe converteuse no símbolo dos cristiáns nos primeiros tempos.

Unha das actividades cunha historia máis longa é o comercio de bacallau seco entre o norte e o sur de Europa, que comezou no tempo dos viquingos hai máis de 1000 anos.

Métodos de pesca

[editar | editar a fonte]
Pescadores.
Preparando nasas na Illa de Arousa.
Aparellos de pesca, Vilanova dos Infantes, Celanova.
Descargando mexillón na Illa de Arousa.

A forma máis simple de pesca é un individuo illado cunha cana ou rede. Non só como actividade recreativa -proporcionando un enorme comercio en moitos países desenvolvidos-, senón tamén como pesca de subsistencia nos países menos desenvolvidos, esta forma de pesca continua a ser moi importante en todo o mundo, mais a forma máis usual de pescar é con embarcacións, comezando coa xangada de papiros do Exipto ou a piroga ou canoa de tronco escavado (aínda hoxe a principal plataforma de pesca en moitos dos países menos desenvolvidos) pasando polos barcos á vela, ata aos enormes barcos-fábrica responsables da produción de atún e equipados coa máis moderna tecnoloxía, helicópteros para a detección de cardumes, receptores de información vía satélite que indican a posición exacta, a temperatura da auga do mar. etc.

Pesca á liña

[editar | editar a fonte]

A pesca á liña, cun fío e un anzol, parecendo simple, é unha das principais formas de capturar peixe. Polo feito do material ser de fácil adquisición é o principal método de pesca de subsistencia en ríos, lagos ou xunto á costa. Porén, varias pescarías industrializadas usan este método, tanto coa chamada liña de man, en que cada pescador terma na man dunha liña en cuxa extremidade se colocan varias liñas secundarias cada unha co seu anzol, como cos palangres de varios quilómetros de lonxitude cos que se pescan os atúns de profundidade.

Pesca de enmalle

[editar | editar a fonte]

Outra forma de pescar relativamente simple é a rede de enmallar -na súa forma máis simple, un rectángulo de rede con flotadores na extremidade superior e chumbos na inferior, que se lanza á auga nun lugar onde se saiba que hai cardumes de peixe, os cales fican "enmallados" (presos nas mallas da rede), normalmente polas gallas ou opérculos. Este método ten moitas variantes, a máis perigosa -para a fauna mariña e para a propia navegación - é a de arrastre ou rede de deriva, que tamén pode ter varios quilómetros de extensión e pode perderse, continuando a matar peixes que despois non son aproveitados e ata mamíferos mariños; ademais, estas redes son practicamente invisibles e un navío que pase por unha destas redes perdidas pode ficar coa hélice inmobilizada. Por estas razóns, a rede de deriva foi prohibida en varios países.

Pesca do cerco

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Pesca do cerco.

Algunhas variantes da rede de enmallar deron orixe ás redes de cerco: a rede é colocada ó redor dun cardume e un cabo profundo poder ser puxado para formar un saco onde todo o peixe fica aprisionado. Esta forma de pescar é utilizada tanto a nivel artesanal -no norte de Mozambique estas redes son pechadas por 4-5 mergulladores, en augas baixas- como a nivel industrial, por exemplo, para algunhas especies de atún que forman cardumes á superficie do mar.

Pesca con trampas

[editar | editar a fonte]

As nasas de diversos tipos son tamén métodos de pesca moi populares desde tempos inmemoriais. Na rexión Indo-Pacífica (nas zonas tropicais e subtropicais dos Océanos Índico e Pacífico), os pescadores constrúen gaiolas con forma de V con ripas de bambú ou de follas de palmeira, colócanas preto de rochas ou arrecifes de coral e conseguen capturar peixes de gran valor comercial. En Galicia existe unha pesca tradicional para cefalópodos (principalmente polbo) con recipientes de barro ou lata, normalmente fixados en número variable a liñas suspensas na auga. Estas artes de pesca pertencen ás chamadas artes pasivas, xa que é o propio animal o que as procura, normalmente como refuxio, ficando aprisionado nelas.

Ao nivel industrial, hai pescarías que utilizan gaiolas, construídas con plástico ou rede segura nunha armazón metálica, que poden ser colocadas en grandes números e a calquera profundidade, presas por un cabo. Estas gaiolas provocan un problema semellante ao das redes de enmallar derivantes, pois poden perderse e continuar a enredar peixes ou outros organismos, sen ningún beneficio, nin para o home nin para os propios recursos pesqueiros.

Pesca de arrastre

[editar | editar a fonte]

Finalmente, en termos de tipo de arte, unha vez que hai numerosas variantes dos tipos xa descritos, o método de pesca actualmente máis popular -e máis controvertido- é o arrastre, constituído basicamente por unha rede construída en forma de saco, con flotadores na parte superior da abertura e pesos na parte do fundo, e cabos amarrados ás extremidades desa "boca" polos cales a rede é arrastrada normalmente polo fondo do mar. Existen formas artesanais desta arte (a rapeta por exemplo) en practicamente todo o mundo nas que a rede é arrastrada por pescadores a pé ou co auxilio dunha pequena embarcación, mais a industria pesqueira usa redes de arrastre de grandes dimensións -ás veces máis dunha ao mesmo tempo- que son de construción máis sofisticada e tiradas por instrumentos mecánicos desde unha embarcación, que pode ser un barco-fábrica.

Os aspectos controvertidos deste método de pesca son varios, por exemplo;

  • a noción -normalmente trabucada- de que estas redes "destrúen" o fondo do mar;
  • outros problemas máis demostrables que foron estudados e parcialmente resoltos polas ciencias pesqueiras, como o feito de que estas redes son moi pouco selectivas, é dicir, capturan animais de practicamente todas as dimensións, incluíndo:
  • os moi pequenos que aínda non chegaron a madurez sexual, pondo así en perigo a continuidade da poboación da especie
  • aquelas que non son o obxecto da pescaría e que son moitas veces devoltas ao mar (descartes), contribuíndo na diminución da diversidade biolóxica.

Métodos de pesca prohibidos

[editar | editar a fonte]

Existen algúns métodos de pesca nocivos e que están prohibidos en practicamente todo o mundo, mais que aínda se practican. Un deles é o uso de dinamita ou outros explosivos: cando se detona unha carga explosiva na auga, a enorme onda de presión atorda os peixes maiores e pode destruír completamente os máis pequenos; mesmo por causa do aumento de presión, estes peixes fican a flotar e son facilmente capturados. Os peixes que fican destruídos non serven nin sequera para alimentación e poden ser os xuvenís, causando así un desperdicio. Peor é o efecto que os explosivos teñen nos corais, que levan moitas ducias de anos a desenvolvérense e que, con este método, son destruídos.

Outro método de pesca prohibido é o do uso de substancias tóxicas para os peixes ou outros organismos acuáticos. Como no método anterior, o problema principal é a falla de selectividade do método, matando non só os organismos dos tamaños que se pretenden utilizar, senón tamén moitos outros. Porén, este método é aceptado, mais con restricións en relación á cantidade e á forma da súa utilización, para estudar os organismos existentes en áreas onde non é fácil capturalos por outros métodos, tales como covas ou rápidos de ríos.

A importancia da pesca no mundo

[editar | editar a fonte]

A actividade da pesca atópase en todos os océanos, ríos e lagos - e ata nas augas que fican permanentemente cubertas de xeo -. O home captura un gran número de especies de peixes, crustáceos, moluscos e ata moitas outras especies acuáticas, como algunhas algas, mamíferos mariños (aínda que a súa captura sexa prohibida en case todo o mundo) e outros seres. Porén, o número de especies que compoñen a gran maioría das capturas pesqueiras do mundo é relativamente pequeno. As principais son o bocarte do Perú de que, en 2002, se capturaron preto de 10 millóns de toneladas, o bacallau e especies da mesma familia, que superaron os 8 millóns, os atúns que alcanzaron 6 millóns, e os cefalópodos (chocos, lulas e polbos) e os camaróns que atinxiron cada un preto de 3 millóns. Polo tanto, estes 5 grupos de especies (se xuntarmos o bocarte coas sardiñas, temos un total de 22 millóns de toneladas) corresponden a case 50% das capturas mundiais da pesca.[Cómpre referencia]

Os principais países pesqueiros en 2002 foron a China cun total de case 17 millóns de toneladas de capturas, 19 millóns provenientes da acuicultura mariña e 17 millóns da acuicultura de auga doce - preto de 30% da produción mundial de produtos pesqueiros -, o Perú con preto de 9 millóns, os Estados Unidos de América do Norte con preto de 5 millóns e o Xapón con 4,5 millóns. O segundo produtor mundial de produtos acuícolas foi a India, con 2 millóns de toneladas.[Cómpre referencia]

Problemas ambientais ligados ás pescas

[editar | editar a fonte]

Unha vez que as pescas dependen de recursos naturais renovábeis, é de esperar que haxa unha serie de aspectos, ambientais e outros, que as afectan. O principal é respecto á propia dispoñibilidade do recurso que se pretende pescar – a pesca pretende ser unha actividade económica sustentábel e polo tanto ela debe ser regulada de modo que se asegure a renovabilidade dos recursos, ou sexa, se evite a sobrepesca. Este é o obxectivo da xestión das pescarías.

Así e todo, unha vez que os recursos pesqueiros – as especies acuáticas – viven nun determinado ecosistema, a súa renovabilidade tamén depende da integridade do ecosistema, ou sexa, dun conxunto de relacións equilibradas entre as varias especies presentes e entre estas e o seu hábitat. Por iso, todos os factores que prexudican a “saúde” do ecosistema, como a contaminación e as alteracións da biodiversidade, poñen en causa a sustentabilidade das pescarías que aí se desenvolven.

Algúns destes factores teñen causas externas ás propias pescarías, como a contaminación causada polos residuos urbanos, industriais ou dos navíos. As alteracións na franxa costeira, tales como a deforestación que pode causar erosión, promovendo o asoreamento dos fondos mariños (ou dos ríos ou lagos) ou a exploración de areas ou rochas para fins de construción, tamén prexudican os ecosistemas acuáticos. Por esa razón, hoxe falase moito da necesidade dunha xestión integrada da zona costeira, en que se eviten todas as accións que prexudiquen, non só a costa, as praias, a navegación, senón tamén os ecosistemas acuáticos e as pescas que del dependen.

Outra importante acción que debe ser promovida é a recuperación da saúde dun ecosistema afectado, non só anulando as fontes de contaminación ou controlando a exploración das forestas ribeiriñas – ou mesmo promovendo a reforestación – mais inclusivamente introducindo no sistema especies que teñan desaparecido ou outras que non entren en competición con aquelas aló existentes, mais contribúan para o seu nivel óptimo, por exemplo, servindo para o seu alimento.

Mais a pesca tamén pode provocar alteracións no propio ecosistema do cal depende. Referimos acima* a destrución dos fundos polo arrastre, que realmente pode acontecer en pescarías que se desenvolven en “chairas de herbas mariñas, cando o arrastre se fai a niveis que non permiten a renovación daquelas plantas. Mais a mesma pesca excesiva ou descontrolada, ademais de pór en perigo a renovación das especies, pode tamén causar a modificación da biocenose, a través da substitución de especies ou mesmo causando a diminución da biodiversidade.

Por estas razóns, ademais do esforzo que se debe facer na xestión das pescarías e na xestión integrada da zona costeira, existe neste momento a tendencia de multiplicar as reservas mariñas, zonas onde é prohibido pescar – ou onde a propia comunidade humana controla a pesca que lle permite a subsistencia. Estas reservas ou parques permiten o refuxio de poboacións de organismos mariños que poden axudar a repoboar zonas próximas onde algunhas especies teñan sido sobre-explotadas.

Código de conduta para pescarías responsables

[editar | editar a fonte]
Embarcación pesqueira en Viveiro.

A adopción xeneralizada nos anos 70 das zonas económicas exclusivas (CEE’s) e da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar, en 1982, criaron condicións para unha mellor xestión dos recursos pesqueiros, dando a un gran número de países o dereito dos utilizar para o seu proveito (en vez de continuaren a ser peixes por frotas estranxeiras) e a responsabilidade de fiscalizar as pescarías que aí se exercen. Porén, este movemento asociado aos avances tecnolóxicos nesta industria e á crecente procura de produtos pesqueiros levaron ao seu crecemento esaxerado. Nos anos 80 tornouse claro que os recursos existentes non poderían soster este crecemento. Alén diso, continuaron a existir pescarías non reguladas en mar aberto, moitas veces envolvendo especies de peixes que fan grandes migracións e que pasan polas augas de varios países.

En 1992, realizouse en Cancún unha Conferencia Internacional sobre Pesca Responsable en que se pediu á FAO que preparase un Código de Conduta para tentar resolver aquelas cuestións. A Declaración de Cancún foi unha importante contribución para a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Meo Ambiente e o Desenvolvemento – Río de Xaneiro. En 1993, a Conferencia da FAO adoptou un Acordo na Promoción do Respecto polas Medidas Internacionais de Conservación e Xestión por Barcos de Pesca na Alta Mar. Finalmente, en 1995, a Conferencia da FAO adoptou unanimemente este Código que, a pesar de non ser mandatorio, establece principios e padróns para a conservación, xestión e desenvolvemento de todas as pescarías do mundo.

Os obxectivos do Código son os seguintes:

  • Establecer principios que estean de acordo cos artigos relevantes da lei internacional para a promoción de pescas responsables, considerando todos os aspectos de interese, dos puntos de vista biolóxico, tecnolóxico, económico, social, ambiental e comercial;
  • Establecer principios e criterios para a elaboración e implementación de políticas nacionais para a conservación responsable dos recursos pesqueiros e para a xestión e o desenvolvemento das pescas;
  • Servir como referencia para axudar os estados a promulgar ou mellorar a súa lexislación e os mecanismos institucionais necesarios para o exercicio de pescas responsables;
  • Prover liñas de orientación que poidan ser usadas, onde sexa apropiado, na formulación e implementación de acordos internacionais e outros instrumentos legais, tanto mandatorios como voluntarios;
  • Promover a cooperación técnica, financeira e outra na conservación dos recursos pesqueiros e na xestión e desenvolvemento das pescas;
  • Promover o aumento da contribución das pescas para a seguridade alimentaria e para o melloramento da dieta alimentaria dos pobos, con prioridade para as comunidades locais;
  • Promover a protección dos recursos acuáticos vivos e do seu ambiente e zonas costeiras;
  • Promover o comercio do peixe e doutros produtos pesqueiros en conformidade coas regras internacionais relevantes e a eliminación de barreiras a ese comercio;
  • Promover a investigación das pescarías, incluíndo os aspectos ecolóxicos dos ecosistemas que as sustentan;
  • Fornecer regras de conduta para todas as persoas envolvidas nas pescas.

O sector en Galicia

[editar | editar a fonte]

Importancia económica

[editar | editar a fonte]

Dentro do sector sector pesqueiro adóitanse incluír toda as actividades relacionadas coa pesca extractiva, o marisqueo e a acuicultura, así como a conserva e o conxelado, constituíndo un dos principais axentes da economía galega. No ano 2007 a facturación global do sector chegou aos 4.750 millóns de euros, dos que 673 M€ corresponden a pesca extractiva.[1] A contribución da pesca extractiva e o marisqueo, así como da acuicultura e da industria da conserva no PIB galego é do 1,98 %, aproximadamente.

Esta actividade estimula o funcionamento doutros moitos axentes económicos: así aos máis de 25.700 mariñeiros, acuicultores e mariscadores que faenan habitualmente hai que engadir os traballadores de actividades como a industria conserveira, os estaleiros ou o comercio. Estímase que por cada emprego no mar créanse catro en terra [1].

Produción

[editar | editar a fonte]

Durante o 2007, puxáronse nas lonxas galegas máis de 170 millóns de quilos por un valor superior aos 463 millóns de euros, dos que 325 proceden da venda de peixe[1]. Entre as especies vendidas destacan o xurelo, a pescada, a xarda, a sardiña e o lirio, polo seu volume, e economicamente a pescada (90 M€).

A frota pesqueira con porto base en Galicia está formada por 4.799 buques de pesca e 1.213 de acuicultura[2], que representan o 40% da frota do estado, e converten o país na maior rexión pesqueira da Unión Europea.

  • A frota de baixura é a que opera a menos de 12 millas da costa dentro da súa propia provincia marítima con motores de até 51 CV e 10 TRB (toneladas de rexistro bruto), conta con 4.189 embarcacións.[2]
  • A frota de litoral, a que opera a menos de 60 millas, conta con 377 buques.[2]
  • A frota de altura, que pesca en augas comunitarias, principalmente no Gran Sol (caladoiro da NEAFC), ten 113 barcos.[2]
  • A frota de grande altura, que actúa no resto do mundo (destacando o caladoiro da NAFO no Atlántico norte, conta con 120 naves.[2]

Resumo de artes de pesca

[editar | editar a fonte]
Aparellos na Illa de Arousa.
Rede de pesca no porto da Coruña.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

.

  1. 1,0 1,1 1,2 Consellería do Mar Arquivado 21 de novembro de 2010 en Wayback Machine., Xunta de Galicia (decembro de 2010)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Plataforma Tecnolóxica da Pesca de Galicia Arquivado 29 de novembro de 2010 en Wayback Machine. (decembro de 2010)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy