Saltar ao contido

Reino de Serbia (medieval)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaReino de Serbia

Localización
Editar o valor en Wikidata
CapitalStari Ras
Skopje Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua serbia Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa ortodoxa serbia Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1217 Editar o valor en Wikidata
Disolución1346 Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía Editar o valor en Wikidata

O Reino de Serbia medieval (en serbio Kraljevina Srbija, en serbio cirílico Краљевина Србија) foi o máis importante Estado serbio establecido na Idade Media.

Xurdiu en 1217 tras a coroación de Estevo II Nemanjić Prvovenčani (Primeiro coroado) como rei de Serbia cando herdou, pola abdicación do seu pai Estevo Nemanja, todos os territorios unificados por este, que está considerado como o fundador do estado serbio.

Coas anexións e alianzas dos seus sucesores, o reino alcanzou unhas dimensións que o converteron nun dos máis importantes de Europa, polo que, en 1346, Estevo Uroš IV Dušan fundou o Imperio serbio, cuxos dominios abarcaban gran parte dos Balcáns.

O imperio desfíxose tras a subida ao trono do seu fillo, Estevo Uroš V, quedando dividido en pequenos reinos que acabaron sendo invadidos e conquistados polo Imperio Otomán.

Precedentes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Estevo Nemanja.

As distintas tribos serbias que foron poboando a zona desde principios do século VII uníronse en 845 para formar, entre outros, Rascia, un estado dentro do Imperio bizantino, formado polos actuais sueste de Serbia, Kosovo e parte de Montenegro.

O unificador dos pequenos estados que deron orixe ao reino foi Estevo Nemanja, que ostentaba o título de gran župan de Rascia, que era o máis importante de todos eles.

Ao longo do século XI, Nemanja obtivo o goberno de Zeta, Dioclea, Zahumlia e Travunia, ben por anexión, ben por herdanza por vía familiar,[1] para formar o primeiro grande estado serbio.[2] Así mesmo, ostentaba os títulos de Príncipe de Ibar, Toplica, Rasina e Reke, Príncipe de Dubočica, Príncipe de Doclea e Príncipe de Moravia Occidental.

Fundación

[editar | editar a fonte]
Estevo II Nemanjić.

Nos derradeiros anos da súa vida Nemanja consagrouse á vida relixiosa, abdicando, o 25 de marzo de 1196, todos os seus estados no seu segundo fillo Estevo Nemanjić, que recibiu o título de rei, adoptando o nome de Estevo II Nemanjić,[3] aínda que tamén é coñecido como Estevo Prvovenčani (O Primeiro Coroado), como primeiro monarca da dinastía.

En 1217 foi coroado polo emperador Honorio III, sendo o seu título completo "Rei das terras de Raška, Duklja, Travunia, Dalmacia e Zachlumia", aínda que a versión máis curta foi "Rei dos serbios", elevando o estado á categoría de reino independente, recoñecido internacionalmente.

Os sucesores de Stefan Prvovenčani foron tres dos seus fillos, entre eles Estevo Radoslav (1228-1233), que desempeñou un reinado carente de acontecementos importantes, sendo tutelado politicamente polo Despotado de Epiro,[4] e outro, o medio irmán deste, Vladislav (1233-1243), que aproveitou a impopularidade de Radoslav para derrocalo e instaurar un goberno moi influído polo Segundo Imperio búlgaro, cuxo emperador Iván Asen II de Bulgaria era o seu sogro.[5]

Expansión

[editar | editar a fonte]
Reino de Serbia (cor violeta) en 1265.
Moeda de prata de Estevo Uroš I de (12431276).
Coroación de Stefan Dečanski, litografía de 1852.
Moeda coa efixie do rei Estevo Dragutin (12761282).

O terceiro fillo de Estevo II Prvovenčani que accedeu ao trono foi Estevo Uroš I (12431276), que tamén derrocou ao seu irmán aproveitando a debilidade de Bulgaria, o seu principal apoio.

Ademais, beneficiouse do declive dos búlgaros en Epiro para intentar expandir os seus territorios, alcanzando os seus confíns a Dubrovnik e Hungría, aínda que non logrou variacións substanciais nos seus dominios.

Uroš I foi desposuído do trono polo seu fillo Estevo Dragutin (12761282), que levou a cabo unha política de amizade con Hungría. Tras un accidente, debeu renunciar ao trono sendo sucedido polo seu irmán Estevo Uroš II Milutin (1282-1321) aínda que mantivo o título de rei de Sirmia, zona que lle fora concedida polos húngaros.

Milutin impulsou un gran desenvolvemento económico e cultural de Serbia, ademais de conquistar novos territorios e de mellorar as relacións co Imperio bizantino.[6] Porén, nos seus primeiros anos de goberno atacou precisamente as posesións bizantinas, logrando conquistar o norte de Macedonia, coa cidade de Skopje, que se converteu na súa capital. Continuou as súas anexións de territorios bizantinos cara a Kavala, obtendo en 1284 o control do norte de Albania e a cidade de Dyrrachion.

En 1299 firmou a paz cos bizantinos, aos que a partir de entón axudou a deter o emerxente Imperio Otomán.[7] Porén, non logrou a anexión do reino de Sirmia gobernado polo seu irmán, xa que non foi permitida polo rei Carlos I de Hungría, aínda que logrou o control de Braničevo.

Á súa morte, Serbia era, despois do Reino de Hungría, o estado máis poderoso da zona.

A Milutin sucedeuno o seu fillo Estevo Uroš III Dečanski (1321-1331), contra quen o Segundo Imperio búlgaro e o Bizancio estableceron unha alianza que, en 1330, organizou a invasión de Serbia. Pero o exército de Dečanski conseguiu abortar a operación coa súa decisiva vitoria na Batalla de Velbazhd, onde ademais morreu o emperador búlgaro Miguel Shishman.[8] As súas conquistas permitíronlle estender as fronteiras de Serbia cara ao sur, cara a Macedonia bizantina.

Algúns do cortesáns de Dečanski, porén, estaban descontentos coa súa política e conspiraron para destronalo en favor do seu fillo Estevo Dušan, que reinou como Estevo Uroš IV Dušan (1331-1346). Baixo o liderado de Dušan, Serbia conseguiu o seu máximo esplendor e apoxeo, aínda que o seu reinado transcorreu nun panorama político complicado e turbulento, complicado polo avance dos otománs por Anatolia.

Ademais, rompeu a alianza cos bizantinos, e estendeu as súas posesións a costa dos seus territorios de Prilep, Ohrid, Vardar e Kastoriá, no seu avance cara a Macedonia polo sur. Polo norte, venceu aos húngaros e conquistou a rexión de Mesia.

Por iso, en 1346, Dušan foi proclamado tsar de Serbia e proclamou o Imperio, converténdose no primeiro Emperador de Serbia e Grecia, cuns dominios que alcanzaron a maior extensión da historia de Serbia.

A morte do tsar Dušan desencadeou a desintegración do seu vasto imperio, pois o seu fillo Estevo Uroš V viuse impotente para manter o grande estado creado polo seu pai. Uroš V non soubo repeler os ataques de inimigos estranxeiros, nin a loita contra a independencia da súa propia nobreza. O Imperio serbio de Dušan fragmentouse nun conglomerado de principados, algúns dos cales nin sequera recoñecían o seu goberno.[9]

Influencia cultural

[editar | editar a fonte]
O Mosteiro de Visoki Dečani, construído en Kosovo polo rei Estevo Uroš III Dečanski.

Durante o reino medieval de Serbia floreceu con grande esplendor a cultura serbia.

Especial importancia tivo a arquitectura: os mosteiros construídos polos seus reis en todos os territorios que dominaron na Idade Media son unha das máis valiosas e visíbeis pegadas da asociación de Serbia con Bizancio e o mundo ortodoxo, pero tamén co románico de Europa Occidental, coa que Serbia estreitou vínculos na época, a través de matrimonios entre monarcas.

Algunhas destas construcións foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, como Stari Ras e Sopoćani, a Igrexa de Nosa Señora de Ljeviš, o Mosteiro de Gračanica, o Patriarcado de Peć e o Mosteiro de Visoki Dečani.

Os catro últimos, compoñentes do conxunto dos Monumentos medievais de Kosovo, figuran na Lista do Patrimonio da Humanidade en perigo, porque foron vítimas de ataques de extremistas albaneses durante e despois da Guerra de Kosovo.[10]

Rei Reinado Feitos máis salientábeis
Estevo II Nemanjić
O Primeiro Coroado
1217-1228
  • Segundo fillo de Estevo Nemanja. Herdou o título de Gran Príncipe (Gran Župan) en 1196 cando seu pai se retirou a un mosteiro, como monxe. O seu reinado comezou cunha loita contra o seu irmán máis vello Vukan (Vukan II), non conforme coa decisión de Nemanja; expulsou a Stefan a Bulgaria.
  • O emperador búlgaro Kaloyan proporcionoulle un exército de cumáns dos territorios orientais de Serbia. A crise terminou cando Sava (San Sava) negociou unha paz entre os seus irmáns e o poder de Estevo foi consolidado.
  • Foi coroado rei en 1217 e, a continuación, Sava obtivo a autocefalia, converténdose no primeiro arcebispo dos serbios en 1219. Deste xeito Serbia conservou plena independencia.
Estevo Radoslav
1228–1233

  • Fillo de Estevo II. Gobernou Zahumlje durante o reinado do seu pai, e tamén foi gobernador de Zeta. Co seu pai, foi cofundador do mosteiro de Žiča. Seu paio, enfermo, abdicou en 1227, tomando votos monásticos.
  • Radoslav foi coroado polo seu tío Sava, o primeiro arcebispo de Serbia.
  • O seu matrimonio con Ana Doukaina Anxelina foi impopular, porque ela socavaba a súa autoridade, polo que perdeu a lealdade do pobo e, en 1233, unha revolta contra eles obrigou á parella a fuxir a Dubrovnik.
Estevo Vladislav
1233–1243

  • Fillo de Estevo II. Sucedeu ao seu irmán Tadoslav en 1233 e reinou 10 anos, sendo sucedido polo seu irmán máis novo Uroš.
  • Continuou gobernando Zeta.
  • O primeiro deseño coñecido da bandeira de Serbia encontrouse no seu tesouro.
Estevo Uroš I
1243–1276

  • Fillo de Estevo II, sucedeu ao seu irmán Vladislav.
  • Impulsou o comercio con Dubrovnik e Kotor, marcando o comezo da prosperidade económica de Serbia.
  • En 1253 librou unha guerra contra Dubrovnik, asinándose a paz en 1254, e, na década de 1260, houbo unha segunda guerra, que rematou en 1268. Uroš entón xirou a súa política cara a Hungría, tomando Mačva, porén foi derrotado e capturado na batalla de Gatko, aínda que se garantiu a paz entre os dous reinos polo matrimonio do seu fillo Dragutin e Catarina, a filla de Estevo V de Hungría.
  • O seu fillo máis vello Dragutin debería sucedelo, pero Uroš elixiu a Estevo Milutin, o fillo máis novo, como sucesor, polo que foi derrocado por Dragutin en 1276.

.

Estevo Dragutin
1276-1282

  • Fillo de Estevo Uroš I. Derrocou ao seu pai coa axuda do rei de Hungría (casara con Catarina de Hungría). Ferido en 1282, deixou o goberno ao seu irmán máis novo Milutin, pero continuou gobernando o que máis tarde se convertería no Reino de Srem, con capital en Belgrado.
  • Milutin aproveitando as súas boas relacións co emperador bizantino, negouse a entregar o goberno a Vladislav II (fillo de Dragutin), provocando unha división do Reino.
  • Dragutin continuou gobernando na fronteira norte en alianza cos húngaros, pero nos últimos anos volveuse cara á Serbia, actuando como un vasalo deste reino.

Estevo Uroš II Milutin
1282–1321

  • Fillo de Estevo Uroš I. Sucedeu ao seu irmán Dragutin.
  • Despois do seu acceso ao trono dirixiuse cara á Macedonia, conquistando a parte norte, con Skopje, que converteu na súa capital.
  • Continuou introducíndose en terras bizantinas, tomando o norte de Albania e Kavala.
  • Tamén tomou Vidin aos búlgaros, e despois Durrës.
  • Máis tarde estableceu unha guerra de sucesión con Dragutin, despois de asinar a paz cos bizantinos en 1299.
  • Milutin axudou aos bizantinos contra os turcos na batalla de Galípoli (1312), que terminou nunha vitoria.
  • Cando morreu Dragutin puxo a maior parte das súas terras, con Belgrado, baixo o seu goberno, e no mesmo ano o seu fillo Estevo Uroš III intentou derrocalo pero, derrotado, Uroš tivo exiliarse en Constantinopla. En 1319 os húngaros tomaron todas as terras de Dragutin excepto Braničevo.
  • Estevo Constantino ía ser rei, pero Uroš III volveu a Serbia en 1321 e, sendo perdoado, conservou o goberno.

Estevo Uroš III Dečanski
1321–1331

  • Fillo de Estevo Uroš II Milutin

Estevo Uroš IV Dušan
o Magnífico
1331-1355

  • Fillo de Uroš III. Foi un xefe militar moi hábil e derrotou a Bosnia e Bulgaria á idade de 20 anos. Como seu pai non era un conquistador capaz, Dušan posuíuse do trono.
  • Dušan duplicou o tamaño do seu reino, tomando terras bizantinas no Peloponeso.
  • Foi coroado Emperador en 1346. O Imperio serbio brillou, converténdose nun dos países máis desenvolvidos e cultos de Europa.
  • Promulgou unha Constitución —o código de Dušan— en 1349.
  1. Stanoje Stanojević. Istorija srpskog naroda, Belgrado, 1926. ISBN 86-81459-06-6
  2. Montenet. Nemanjics' period (1186-1353) Consultado o 16/1/2012.
  3. Aínda que o seu pai non gobernara co título de rei.
  4. Grande enciclopedia Larousse en vinte volumes, Volume 18. Larousse, 1972, páx. 659.
  5. Foundation for Medieval Genealogy Serbia Consultado o 16/1/2012.
  6. Spsko Blago. Stefan Uros II Milutin (1282-1321) Arquivado 31 de agosto de 2018 en Wayback Machine. (en inglés) Consultada o 16/1/2012.
  7. Find a Grave. Stefan Uros Milutin Nemanjic, II (en inglés) Consultada o 16/1/2012.
  8. Heath, Ian & McBride, Angus (1995): Byzantine Armies 1118-1461 AD. Osprey Publishing.
  9. Encyclopedia Britannica Stefan Uroš V Consultada o 16/1/2012.
  10. UNESCO World Heritage Committee puts Medieval Monuments in Kosovo on Danger List and extends site in Andorra, ending this year’s inscriptions 13 de xullo de 2006 (en inglés) Consultada o 16/1/2012.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Fine, John V. A. (1991). The early Medieval Balkans: A Critical Survey from the 6th to the Late 12th Century. The University of Michigan Press. ISBN 0-472-08149-7
  • Fine, John V. A. (1994): The Late Medieval Balkans: A Critical Survey from the Late Twelfth Century to the Ottoman Conquest. The University of Michigan Press. ISBN 0-472-08260-4
  • Heath, Ian & McBride, Angus (1995): Byzantine Armies 1118-1461 AD. Osprey Publishing.
  • Soloviev, Alexander (1936): Greek charters of Serbian rulers. Soloviev and Makin.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy