Content-Length: 219034 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Santa_Compa%C3%B1a

Santa Compaña - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Santa Compaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Santa Compaña. Camilo Díaz Baliño. 1919.
A Santa Compaña (graffiti en Pontevedra)

A Santa Compaña é unha procesión de mortos ou ánimas en pena que percorren os camiños dunha parroquia. Trátase dun tema do folclore galego. O tema das procesións de mortos e/ou de ánimas é propio da literatura e das tradicións culturais da Europa occidental dende a Idade Media. A zona xeográfica "galega" na que a Santa Compaña influíu máis notoriamente considérase que é o territorio correspondente á antiga Gallaecia, incluíndo o norte de Portugal e Asturias[1], xa que esta zona posúe características que a identifican como unha comunidade, reflectidas nos seus contos e na súa literatura e testemuñas do fenómeno.

A crenza na Santa Compaña, analizada por Vicente Risco como unha tradición cristiá de poucas pegadas anteriores, está rexistrada por outras fontes anteriores vinculada a tradicións europeas de raigame diferente, integrada máis ou menos ao cristianismo. Recollendo isto por exemplo Martín Sarmiento despois da súa viaxe a Galicia como elemento da antiga cultura aínda vixente. Logo, nos séculos seguintes, atópase en dicionarios, almanaques e na literatura, con máis ou menos consideración da súa función na cultura tradicional galega. Ramón María del Valle-Inclán deulle o toque máis poético. Está tamén estudada dende finais do século XX coma un elemento da antropoloxía cultural galega.

Na súa función de mito, a disgregación da crenza ilustra a desestruturación e a desintegración das partes constituíntes da antiga sociedade galega, é dicir, a desaparición dun estilo de vida tradicional anterior que se constrúe dende a urbanización e a industrialización modernas. Polo tanto a cultura popular de finais do século XX e comezos do XXI considera a Santa Compaña como unha das lendas da mitoloxía popular galega máis arraigada no medio rural[2].

Santa Compaña. Feira Medieval de Santiago

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Segundo o Dicionario dos seres míticos galegos, os nomes Santa Compaña e Santa Compañía son nomes erróneos por contaminación culta, aínda que poidan usarse de xeito eufemístico nalgures, dado que a Compaña non é santa[1]. Lisón Tolosana concorda en que Santa Compaña é unha expresión que serve para denominala, en particular polos eruditos, pero que non é utilizada, ou moi escasamente, polos crentes. A expresión vén do latín "sanctam cum pania", que pode asemellarse a "santa compaña"[Cómpre referencia]. Non obstante, unha tradución máis literal sería "que comen do mesmo pan", seria referíndose ao convite funeral no cal as ánimas levan os vivos para a procesión, sendo necesario finxir comer os manxares propostos e comendo un alimento propio aínda que sexa pan que se leve no peto para liberarse.

Representación da Cazaría salvaxe en 1872 polo pintor noruegués Peter Nicolai Arbo.

A vixencia diste mito de relación dos vivos e dos mortos na sociedade galega recoñécese polos testemuños de fontes escritas ao longo da historia e polas hipóteses de estudos.

Pódese ver que é vixente por diversos documentos da Inquisición do século XVI e comezos do XVII, mencionando xa a crenza, en Galicia, de ánimas errantes que non foron nin ao paraíso, nin ao inferno, nin ao purgatorio[3].

Martín Sarmiento, despois da súa viaxe por Galicia, anota que a estantiga é un dos seus nomes particulares pola zona de Ourense. El fora testemuña do mito, xa antigo naqueles tempos, de que xa existía polo menos no século XVII. Deste modo, dálle o significado de ser un fenómeno vinculado á mitoloxía europea, é dicir, máis que da procesión de ánimas da tradición cristiá[3].

Tamén se sabe de Xoán Cuveiro Piñol que a crenza para el se aproxima ao "sluagh"[4][5] e á "cazaría salvaxe" vencellándoa ao tronco indoeuropeo[1].

Por outra banda, o antropólogo Carmelo Lisón Tolosana publicou unha investigación etnográfica sobre a Santa Compaña, onde di que esta crenza, aínda viva no século XX en Galicia, está vencellada a un mito xermánico, a cazaría salvaxe, que difundiron as invasións destes pobos durante a Alta Idade Media co nome de estandiga ao longo de toda a Hispania[3]. O mito axiña sería cristianizado. Porén, hai outras fontes que apuntan a unha posible orixe celta[5][6]. A lenda da cazaría salvaxe e as crenzas das culturas célticas van polo tronco dunha crenza antiga, o que supón que se trata de maxia na súa función de acceder ao coñecemento. A herdanza da Santa Compaña dos mitos xermánicos, bastante compartida polos intelectuais, non convenceu a Vicente Risco[7], quen supón que o aspecto máxico da Compaña é só unha manifestación de relixiosidade fóra das normas e regras da relixión vixente. Nos elementos da descrición atópase por unha banda o mundo da realidade, os lugares da parroquia, xente da aldea viva ou morta, e por outra banda referentes do imaxinario colectivo de códigos e símbolos culturais que vinculan a visión a conceptos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Non existe ningunha descrición consensuada sobre o que é a procesión. Cada testemuña da crenza, e o número é moi importante, pode case por si ter unha descrición diferente. De todos os xeitos, o fenómeno, descrito por aquel que o viu ou comunicado por outros, é sempre unha realización singular. Non obstante, convén reter as posibilidades do tipo de comitiva. A comitiva pode ser semellante á da cazaría salvaxe (Wild Hunt) dirixida por Odín (ou un dos seus substitutos) ou unha das variantes do mundo imaxinario e simbolico da idade media como a Mesnie Hellequin en Francia onde o que é destacable é a brutalidade. A comitiva pode referirse á hoste antiga das ánimas en procesión. Sen esquecer que pode tamén ser unha derivación de procesión de meigas[1].

Máis alá da multitude das descricións individuais, convén distinguir elementos sobre varios rexistros. Hai aquel que ve a Santa Compaña e hai aqueles que se poden chamar os "crentes", que cren na súa existencia ou que a dubidan vivindo no ámbito da súa crenza. No relato, hai elementos da vida material que cada un pode recoñecer como unha realidade da súa vida cotiá (os lugares da parroquia, a igrexa, as casas, a fonte etc.), elementos que teñen unha realidade mental (as ánimas, os defuntos etc.) así como elementos ficticios que só serven de decoración (o ambiente nocturno, as luces opacas, os murmurios inintelixibles, os corpos brancos e pálidos etc.). Dentro dos elementos que teñen realidade mental pódense distinguir naquelas ánimas da procesión que son de xente coñecida, vivos ou mortos, daqueles que son figuras sen relación cos veciños.

A Santa Compaña vai precedida por un vivo portando unha cruz...

A procesión adoita ir encabezada pola persoa viva que porta entre as súas mans unha cruz e mais un caldeiro con auga bendita; tras el, varias ánimas con cirios acesos, non sempre visíbeis, ségueno. A súa presenza faise notoria no cheiro a cera queimada e no vento que se ergue ao seu paso.

... seguido polas ánimas que levan cirios acesos que, ás veces, son ósos

A persoa viva que precede esta procesión pode tratarse tanto dun home como dunha muller, dependendo de se o patrón da parroquia é santo ou santa. Ademais, o portador da cruz non pode en ningún momento volve-la cabeza nin renunciar aos seus cargos precedendo á Santa Compaña. Só será ceibado cando atope a outra persoa polo camiño a quen lle entregar a cruz e mailo caldeiro, momento no que estoutro pasará a substituílo.

Para zafarse desta obriga de substitución, a persoa que vexa pasar á Santa Compaña debe trazar un circo no chan e deitarse boca abaixo sen mirarlle á cara a ningún espírito. Mentres tanto, a persoa que leva a cruz e o balde vólvese máis branco e vai aldelgazando a cada paso que dá, ata que consegue darlle o caldeiro a outro.

O que si é comunmente aceptado é que a Compaña bota medo, xa que é considerada como sinal de morte. Pode ser porque a Compaña visita todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento. Pode ser porque a Compaña necesita dun vivo que leve a cruz e anda ás portas pedindo compañía. Cuveiro Piñol, no seu Diccionario Gallego (1876), escribe:

Compaña: entre o vulgo, creída hoste ou procesión de bruxas que andan de noite alumeadas con ósos de mortos, chamando ás portas para que as acompañen, aos que desexan que morran axiña...

Pode ser porque as ánimas da Compaña poden maltratar a xente que atopan polos camiños e ata poden ir molestar á xente na súa casa.

Malia que na maioría das historias a Santa Compaña realiza as súas aparicións de noite, hai tamén casos citados nos que se fala de saídas diúrnas. A frecuencia pode ser de todas as noitas á mesma hora como non. Cada visión é unha recreación e en cada localidade vai evolucionar segundo as necesidades socio-culturaís do grupo onde está vixente.

Lisón Tolosona, con datos dos anos 1960 recolle 124 casos onde o motivo da procesión é para anunciar morte, 32 casos para facer penitencia e 31 casos para castigar. Os nomes para chamar a procesión están relacionados co motivo da súa existencia.

Nomes da Santa Compaña

[editar | editar a fonte]
Representación alemá de finais do século XIX dunha hoste antiga, derivación da Cazaría salvaxe como é a Santa Compaña galega. Ánimas voando perseguen aos vivos, encabezadas por un xefe, posiblemente Odín.

Os diferentes nomes da crenza levan consigo un significado que permite atopar a relación establecida entre o fenómeno propio a Galicia e mais a cultura occidental. Os diferentes nomes tamén teñen un uso distinto segundo as zonas xeográficas, sendo isto unha proba do xenio creativo da xente de Galicia en canto á vixencia dun mito da humanidade (neste caso un mito europeo) na súa propia cultura[3]. Destas dúas razóns pódese comprender que o nome atribuído por cada zona corresponde a unha adaptación particular da crenza, a cal estará máis ou menos preto dun dos tres tipos enunciados.

  • Compañía, Compaña
  • As da noite, antaruxada, avisóns, avexón,
  • Enxamio, estadea, estantiga, estandiga, estadeíña son as formas que máis conectan coa lenda xermánica.
  • Hoste, chamada nalgures ao formar a comitiva algo semellante a unha hoste ou mesnada. Hoste e hostilla pódense entender como exército, inimigo ou peregrino[1].
  • Pantaruxada [8][9],
  • Pantalla, en opinión de Vicente Risco, fusión dos termos «pantasma» e mais «espantallo». Pantalla úsase en Beariz, podendo consideralo unha referencia ao medo de pan, igual cá palabra pánico indo en certa instancia ata o deus Pan; sen esquecer as máscaras do antroido de Xinzo de Limia, tamén coñecidas como pantallas[1].
  • Procesión das ánimas, aplicado especialmente no sur de Galicia, sobre todo en Ourense.
  • Rolda, roldiña
  • Visión,
  • Visita,
  • Xaira, nome recollido por Martín Sarmiento como usado na zona de Ourense no século XVIII[1].
  • Xáns, tamén recollido por Martín Sarmiento na rexión de Ourense (jáns, xáns)[3], pantasmas de vivos[1].
  • Sociedade do Óso sociedade de xente que vive tanto neste mundo como no alén e que percorren os camiños igual cá Santa Compaña[1].
  • Xás, pantasmas, ánimas en pena, que andan de noite para danar aos vivos[1].

Como liberarse da Compaña

[editar | editar a fonte]

Existen varios remedios para liberarse dela[10].

  • Abri-los brazos en cruz e pronuncia-lo nome de Xesús Cristo no momento de endosa-la cruz e/ou responder "Cruz teño".
  • Leva-las mans ocupadas con algo, como por exemplo un pau ou unha pedra.
  • Deitarse no chan boca abaixo. O desafortunado liberarase da cruz, pero se cadra o Acompañamento pasa por riba del e o esmaga.
  • Trazar cunha cruz un círculo no chan (ou o risco de Salomón).
  • Levar consigo unha vacaloura e dentes de allo.
  • Afastarse do camiño polo que vai se se ve vir de lonxe.

A parroquia

[editar | editar a fonte]

A parroquia adoita ser o territorio das andanzas da Santa Compaña, e polo tanto un elemento constitutivo do mito, o cal lle dá vida á crenza en Galicia[1][3].

Na cultura galega nas últimas décadas do século XX e primeira do XXI

[editar | editar a fonte]

O tema da Santa Compaña recóllese na cultura popular en forma de espectáculos[11][12][13] e incluso cómics[14].

Esta procesión anda espallada por Internet, tanto como curiosidade acerca de Galicia[15] como combinada co paranormal[16][17].

Tamén algúns músicos e bandas recollen o tema nalgunhas das súas obras, é o caso de Golpes Bajos[18], Mägo de Oz e Los Suaves, por exemplo.

O nome da banda de rock Heredeiros da Crus está tomado directamente do mito da Santa Compaña [Cómpre referencia].

Unha banda de rock de Rianxo chamada Santa Compaña ten un tema titulado "Urco".

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Diccionario dos seres míticos galegos, Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda, Edicións Xerais de Galicia, 1999, ISBN 84-8302-363-6.
  2. Un anaco do libro Algunas calas en los orígenes del gallego de Andrés Suárez, dixitalidazado por Google.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 La Santa Compaña. Fantasías reales. Realidades Fantásticas., Carmelo Lisón Tolosana, Ediciones Akal S.A., Madrid, España, 1998. ISBN 84-460-0943-9.
  4. Véxase na Wikipedia portuguesa pt:Sluagh.
  5. 5,0 5,1 "Manuel ALBERRO Inst. of Cornish Studies University of Exeter". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2007. Consultado o 04 de marzo de 2009. 
  6. Galicia Máxica: A Santa Compaña Arquivado 06 de xaneiro de 2006 en Wayback Machine. patrimonio de Galicia en Nueva Acrópolis de Vigo.
  7. El tema de la caza salvaje en los petroglifos gallegos Arquivado 06 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. (Véxase a sección 3 Tránsito vertical.)
  8. IES As Mariñas.
  9. [https://books.google.es/books?id=RRg6EAAAQBAJ&pg=PT246&lpg=PT246&dq=pantaruxada&source=bl&ots=e--M5cFVlm&sig=ACfU3U1EwIJl8RxJMQPyIkTUhi3Y_9E6nA&hl=es&sa=X&ved=2ahUKEwi70JLJ1s75AhWRxoUKHb-FAw0Q6AF6BAgZEAM#v=onepage&q=pantaruxada&f=false Blake Aguilar: Entes malignos.
  10. ISBN 978-84-9782-869-7
  11. "Ficha de espetáculo". Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2009. Consultado o 22 de febreiro de 2009. 
  12. "Teatro". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 22 de febreiro de 2009. 
  13. Rodaxe do filme Lume na alma sobre a Santa Compaña en LaVozdeGalicia.es, 17/12/2008. Consultado o 21/02/2009.
  14. "Ourense acolle a presentación de “A Santa Compaña”, nova entrega das aventuras de Trasmallo" 5/10/2007. Consultado o 21/02/2009.
  15. A Santa Compaña mito e lenda de Galicia Arquivado 03 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. (en castelán)
  16. A Santa Compaña en mundoparanoraml (en castelán)
  17. "A Santa Compaña en escalofrio.com". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2009. Consultado o 22 de febreiro de 2009. 
  18. A Santa Compaña Arquivado 01 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. de Golpes Bajos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Santa_Compa%C3%B1a

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy