Content-Length: 165446 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/%C3%91u

Ñu - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Ñu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ñus
Connochaetes

Ñu negro (Connochaetes gnu)

Ñu azul (Connochaetes taurinus)
Ñu azul (Connochaetes taurinus)

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Alcelaphinae
Tribo: Alcelaphini
Xénero: Connochaetes
Lichtenstein, 1812
Especie tipo
Antilope gnu Gmelin, 1788
= Antilope gnou
Zimmermann, 1780
Distribución: En amarelo: ñu negro En azul: ñu azul En pardo escuro: ambas as especies
Distribución:
En amarelo: ñu negro
En azul: ñu azul
En pardo escuro: ambas as especies

Distribución:
En amarelo: ñu negro
En azul: ñu azul
En pardo escuro: ambas as especies
Especies

Os ñus[1] son mamíferos artiodáctilos ruminantes pertencentes á familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos.

Son grandes antílopes africanos que se integran no xénero Connochaetes, que comprende tan só dúas especies, o chamado ñu negro (Connochaetes gnou) e o ñu azul (Connochaetes taurinus).

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

O xénero Connochaetes foi descrito por primeira vez en 1812 polo explorador, naturalista, médico e zoólogo alemán Martin Lichtenstein, na páxina 162 dun traballo publicado no número 6 da revista Der Gesellschaft Naturforschender Freunde zu Berlin Magazin für die neuesten Entdeckungen in der Gesammten Naturkunde (coñecida abreviadamente como Ges. Naturf. Freunde Berlin Mag.).[2]

O nome xenérico Connochaetes deriva das palabras do grego antigo κόννος kónnos, "barba", e χαίτη, chaítē, "pelo que flue", "melena".[3]

O nome común, ñu é a adaptación de t'gnu,[4] o nome que lle dan a estes animais os khoikhoi, pequeno grupo étnico nómade da África do suroeste, especialmente de Botswana e Namibia, que se separou da tribo dos hotentotes ou khoisan.

Especies e subespecies

[editar | editar a fonte]

Existen dúas especies de ñus, distinguíndose nunha delas tres subespecies:[2][5][6]

  • Xénero Connochaetes Lichtenstein, 1812
    • Connochaetes gnou Burchell, 1823Ñu negro, ou de cola branca.
    • Connochaetes taurinus Zimmermann, 1780 - Ñu azul
      • C. t. albojubatus Thomas, 1912 — Ñu de barba branca oriental, que se encontra no Val do Rift ao sur do ecuador, desde o centro de Kenya até o norte de Tanzania.
      • C. t. cooksoni Blaine, 1914 - Ñu de Cookson, que está restrinxido no val de Luangwa, en Zambia, aínda que ás veces estes animais poden deambular pola rexión da meseta central de Malaui.
      • C. t. johnstoni Sclater, 1896 — Ñu de Niasa, que se estende desde Mozambique (ao norte do río Zambeze) até o centro-leste de Tanzania. A pesar do seu nome (Niasalandia hoxe denomínase Malaui) esta subespecie está acualmente extinguida na República de Malaui.
      • C. t. mearnsi (Heller, 1913) — Ñu de barba branca occidental, que se encontra no norte de Tanzania e en Kenya meridional. A súa área de dispersión esténdese desde o oeste do Val do Rift até a baía de Speke, no lago Vitoria.
      • C. t. taurinus (Burchell, 1823) — Ñu azul, ñu común ou ñu alistado, que se encontra na África meridional, desde Namibia e Suráfrica a Mozambique (ao norte do río Orange) e desde o suroeste de Zambia (ao sur do río Zambeze) até Angola meridional.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Os cornos, semellantes aos dun búfalo.
Ñu azul (Connochaetes taurinus.
Ñu negro, ou de cola branca (Connochaetes gnou).
Dous ñus azuis machos pelexando polas femias.
Manda de ñus azuis migrando no Serengueti.
  • Son antílopes grandes de patas longas e delgadas, e co corpo e a cabeza máis ben macizos, coa pel dunha cor que oscila entre o gris escuro e o pardo.
  • Teñen ademais unha crina negra que parte dende a caluga e chégalles ata a metade do lombo, así como unha cola longa rematada igualmente por unha crina, o que lles dá un aspecto semellante ao dun cabalo.
  • Os cornos destes animais, presentes tanto en machos coma en femias, e de 60 a case 83 cm de longo), están curvados cara a arriba, e lixeiramente cara a atrás, recordando aos dun búfalo.
  • As femias son similares aos machos, pero de menor tamaño e cos cornos máis finos.
  • Lonxitude do corpo: de 150 a 240 cm.
  • Altura na cruz: de 98 a 147 cm.
  • Lonxitude da cola: 70 a 100 cm.
  • Peso: entre os 130 e os 270 kg (os machos) e entre os 100 e os 220 kg (as femias).
  • Lonxevidade: poden vivir de 15 a 20 anos na natureza, e até os 40 en catividade.
  • Xestación: 8 meses.
  • Número de crías por parto: 1.
  • Velocidade en carreira: de 30 a 40 km/h en carreiras a longas distancias; os ñus azuis poden, porén, alcanzar unha velocidade media de 73 km/h e, en momentos puntuais, de até os 100 km/hen distancias curtas; son máis rápidos que os ñus de cola branca, que poden correr a 58 km/h de media e até 85 km/h como máximo.[7][8]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Os ñus viven en grandes rabaños na sabana africana. Como ruminantes que son, son herbívoros, alimentándose de diversas plantas herbáceas.

Atopámolos sobre todo en Suráfrica, Namibia, Kenya e Tanzania.[7][8]

Para atraer ás femias, os ñus machos enfróntanse entre eles, trucando fronte contra fronte. Cando un macho é moi dominante, pode aparearse con ao redor de cento cincuenta femias.

Os ñus sofren o ataque de leóns, leopardos, hienas e licaóns. Os guepardos cazan os exemplares vovos, de menos de 6 meses. Cando migran, reúnense para cruzar os cursos de auga e daquela constutíen un representan un excepcional couto de caza para os seus depedadores, que compiten entre eles.

Ademais, durante a súa travesía polos ríos, moitos ñus perecen, vítimas de crocodilos.[9]

Os animais enfermos, ou os feridos, os individuos novos e as femias en avanzado estado de preñe, máis lentos, son os máis vulnerábeis paea os depredadores. Porén, os que están en boas condicións físicas, máis vigorosos, son moi áxiles e rápidos na carreira, e saben defenderse moi ben, ou mesmo atacar, e poden ser temíbeis cando actúan en grupo.

Migracións

[editar | editar a fonte]
Ñus azuis atravesando un río nunha migración.

Os ñus son bastante sedentarios, a menos que a herba sa que se alimentan chegue a ser insuficiente. Daquela, realizan grandes migracións estacionais, de moitos quilómetros. Durante a viaxe son acompañados por cebras, gacelas e outros antílopes, formando grupos de máis de 2 millóns de cabezas.

Segundo a National Geographic a gran migración dos ñus entre o Serengueti e Masai Mara é a última das grandes migracións por vía terrestre que ocorre no noso planeta.

En novembro de 2006 esta gran migración foi cualificada como unha das "sete novas marabillas do mundo" por un grupo de expertos durante o popular programa da ABC "Good Morning America".[10]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Segundo a UICN, o status das dúas especies, na actualidade (2014), é de LC (pouco preocupante).[6][11]

Os ñus e o home

[editar | editar a fonte]

A carne dos ñus é moi valorada polos pobos aborixes. É suave e lixeira. Os cornos utilízanse ás veces para tallar obxectos artísticos, ou aínda pola súa (suposta) calidade afrodisiaca.

  1. ñu Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  2. 2,0 2,1 Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World. Third edition. Baltimore, Maeyland, USA: The Johns Hopkis University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
  3. Benirschke, K. "Wildebeest, Gnu" Arquivado 15 de marzo de 2012 en Wayback Machine.. Comparative Placentation (en inglés).
  4. gnou no Merriam Webster Dictionary online.
  5. Connochates taurinus no SIIT.
  6. 6,0 6,1 Connochates taurinus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.3. Consultada o 19 de novembro de 2014.
  7. 7,0 7,1 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 232-235.
  8. 8,0 8,1 Haltenorth, T. & Diller, P. (1986), pp. 84-87.
  9. Fotos dun ñu vitima de crocodilos Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine., Kenya, xullo de 2010.
  10. La grande migration des gnous Arquivado 09 de novembro de 2014 en Wayback Machine..
  11. Connochaetes gnou na Lista vermella da UICN. Versión 2014.3. Consultada o 19 de novembro de 2014.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Estes, R. (2014): The gnu's world: Serengeti wildebeest ecology and life history. Berkeley: University of California Press. ISBN 978-0-520-27318-4. Resumo.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): 'Tribe Alcelaphini in Wallace, 1876 en Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo I. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 55–72.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/%C3%91u

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy