Content-Length: 181725 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Galaicos

Galaicos - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Galaicos

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Galaicos

Pobos prerromanos da Península Ibérica.
Historia Historia de Galicia
Cronoloxía Cronoloxía de Galicia
Categoría Historia de Galicia
Prehistoria
Prehistoria de Galicia
Cultura castrexa
Idade Antiga
Historia antiga de Galicia
Pobos galaicos

Os galaicos[1] (termo actual derivado do latino gallaeci ou callaeci e do grego Καλλαϊκοί) eran un conxunto de pobos de cultura e lingua hispanoceltas ou celtizadas -sen que exista consenso entre os investigadores- do noroeste da Península Ibérica antes e durante o Imperio Romano. O termo gallaecus / gallaeco tamén designou, desde finais do Imperio Romano de Occidente ata entrada a Idade Media, os habitantes de Gallaecia e Galicia, evolucionando lingüisticamente ata o xentilicio actual galego.

Aínda que poidamos falar dos galaicos durante a Idade Media, tradicionalmente o termo aplícase principalmente á Idade Antiga, servindo tamén como xentilicio culto para os habitantes da actual Galicia, do mesmo xeito que se empregan os cultismos galo, xermánico, anglosaxón ou luso, aos habitantes de Francia, Alemaña, Inglaterra e Portugal respectivamente.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Aínda non se sabe con absoluta certeza se os callaeci eran un pobo que sobresaía sobre os demais e con posterioridade os autores gregos empregárono como nome xenérico dos habitantes do noroeste peninsular, ou se con este nome pretendíase designar aos habitantes dunha rexión constituída por varios pobos. A primeira opción é adoptada actualmente polos investigadores, sendo os callaeci un pobo castrexo do sur da Gallaecia, os callaecos,[2] situado durante o dominio romano no denominado Convento Bracarense.[3]

O historiador romano Plinio noméaos como un dos pobos do convento bracarense.[4]

Historia e orixe

[editar | editar a fonte]

A orixe dos galaicos e en xeral, daqueles pobos prerromanos que habitaban a Gallaecia, atópase basicamente nas poboacións da idade de bronce, é dicir nos construtores dos megálitos e dos petróglifos dentro das poboacións atlánticas indoeuropeas.

Tras séculos de convivencia nun mesmo marco xeográfico, a finais da Idade de Ferro, estas poboacións do extremo noroccidental da Península Ibérica acadaran xa un alto grao de homoxeneidade cultural, conformando finalmente unha unidade étnica propia e orixinal que as diferenciaba do resto.

Como tal foron percibidos polos primeiros autores greco-latinos tales como Estrabón ou Plinio, que os denominaron co nome de Gallaeci (en latín) ou Καλλαϊκοί (en grego), se cadra pola aparente similitude cos xa coñecidos Galli (galos) e Gallati (gálatas).

Cabeza de Rubiás, Bande, s. I d.C., Museo de Ourense.
Guerreiro de Armeá, Allariz, Museo de Ourense.
O casco ou cunca de Leiro, obxecto propio da Idade do bronce atlántico. Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón. Galicia.

O feito de que os galaicos non adoptaran a escritura ata os primeiros contactos co Imperio Romano, imposibilita o estudo dunha historia con perspectiva propia e longa no tempo. Non obstante, as alusións que sobre estes pobos se atopan en determinados autores greco-latinos permiten reconstruír eventos históricos deste pobo desde o século II a. C.

Así, grazas de Silio Itálico, sabemos que entre os anos 218 e 201 a. C, durante a segunda guerra púnica, algunhas tropas galaicas acudiron a loitar nas filas do cartaxinés Haníbal contra o exército romano de Escipión. Tamén engadiu Silio Itálico unha pequena descrición do continxente galaico e da súa particular actitude militar.

A rica Gallaecia envía a súa mocidade, coñecedora da adiviñación polas entrañas das bestas, polo voo das aves e polas chamas divinas, a cal ou ben berraba bárbaros cánticos nas súas linguas patrias ou ben, tras golpearen a terra con golpes alternos de pé, se aledaba en bater ritmicamente os sonoros escudos

Tras Silio Itálico, foi Apiano de Alexandría o autor da obra Iberiké, quen menciona o primeiro conflito bélico coñecido entre galaicos e romanos. Nela, Apiano narra os feitos acontecidos no transcurso das guerras lusitanas (155 - 139 a.C), mencionando que neste último ano (139 a. C.), tras ser burlado polo xefe lusitano Viriato, o exército romano de Quinto Servilio Cepión devastou os campos dos galaicos e vetóns. Este ataque sobre as poboacións galaicas máis meridionais, posiblemente se situou na rexión Alto Douro, próxima á fronteira cos vetóns, posuíndo esta acción un carácter de castigo, pola axuda prestada destes pobos aos lusitanos.

Organización político-territorial

[editar | editar a fonte]

A organización política dos galaicos non se coñece con seguridade, aínda que pode que se artellasen en pequenos estados independentes entre si compostos por un número dispar de castros, encabezados estes estados pola figura dun rei local que os romanos denominaron princeps como noutras partes de Europa.

Cada galaico identificábase así mesmo como membro do castro que habitaba (segundo a interpretación máis común do C invertido da epigrafía posterior) así como do estado/pobo ao que pertencía, e que os romanos denominaron populus, entre os que atopamos numerosos nomes como arrotrebae, albiones, celtici praestamarici, lemavi etc.., do mesmo xeito que ata finais do século XVIII a xente en Galicia se identificaba coa parroquia e a comarca[5]. Unha fonte para coñecer os seus nomes é o Padrón dos pobos.

Extensión do territorio dos galaicos lucenses dentro da Gallaecia a finais do século III dentro do Imperio Romano.

Galaicos lucenses

[editar | editar a fonte]
Estela galaico-romana de Crecente. Realizada a finais do século II, foi adicada a unha defunta aristócrata chamada Apana, da tribo galaica dos Célticos Supertamáricos, tal e como se pode ler na parte inferior da propia estela.

Entre os galaicos lucenses atopábanse algúns pobos:

Extensión do territorio dos galaicos bracarenses dentro da Gallaecia a finais do século III dentro do Imperio Romano.

Galaicos bracarenses

[editar | editar a fonte]

Entre os galaicos bracarenses atopábanse algúns pobos como os:

Asentamentos

[editar | editar a fonte]
Ruínas do castro de Coaña, occidente de Asturias. Este castro galaico formaba parte do pobo dos albións, do que se coñece a un dos seus princeps, chamado Nicer.

O modo de hábitat dos galaicos baseouse na ocupación do territorio especialmente en poboados fortificados que reciben o nome de castros, pudendo variar o seu tamaño dende pequenas aldeas de menos de 1 hectárea máis usuais no norte, e de grandes castros de máis de 10 hectáreas que reciben o nome de oppida ou "citanias", estando estes máis presentes na metade sur do seu poboamento tradicional. Este xeito de habitar o territorio -en castros- foi común a toda Europa durante a Idade de Bronce e de Ferro, recibindo no noroeste da Península Ibérica o nome de '"cultura dos castros" ou "cultura castrexa" que alude a este tipo de manifestación cultural antes da chegada de Roma, con todo os galaicos seguirían a habitar castros ata o século VIII d.C.

Tipoloxías da arquitectura castrexa durante a segunda Idade de Ferro.

Estes poboados fortificados acostuman a situarse en outeiros despexados, promontorios rochosos ou penínsulas que se internan no mar, o que facilita a visibilidade, a defensa e o dominio do contorno. O lugar do asentamento vén dado tamén en función dos recursos naturais explotados polos moradores. Os castros galaicos manteñen unha certa homoxeneidade, presentando trazos comúns.

Recreación dunha casa patio galaica ou núcleo familiar, no sur da Gallaecia.

Así, as casas e os edificios domésticos situábanse principalmente na "croa" -parte superior do castro-, pudendo tamén situarse nos barrios anexos á croa preto do chamado "antecastro", espazos que non albergaban vivendas, pero que se supón que estaban destinados a animais ou hortas. Cada unha destas áreas, podía estar limitada por murallas, parapetos ou foxos.

Ás veces hai unha especie de engadidos, os antecastros, que tamén se arrodean de murallas. Coa integración no Imperio Romano e a chegada da Pax romana, a poboación galaica comezará a abandonar gran parte dos castros e a dispersarse sobre terras de cultivo, en vales e terras máis accesibles pero menos defendibles.

Só no territorio da Galicia actual chegan a contabilizarse máis de dous mil castros, o que revela unha das maiores dispersións de poboación da Idade de Ferro en toda Europa, que sería en boa medida a orixe da ocupación galega do territorio herdada ata o presente, e caracterizada por pequenas e numerosísimas poboacións distantes entre si.

Modo de vida

[editar | editar a fonte]
Recreación dunha casa galaica, no castro de Vigo, no sur de Galicia.

Sociedade

[editar | editar a fonte]
Estela do príncipe galaico, Nicer Clutosi, da tribo dos albións. Realizada no século IV, contén a seguinte inscrición:XP NICER / CLVTOSI / ) CARI / ACA / PRINCI / PIS AL /BIONV / M AN / LXXV / HIC S EST.

A sociedade galaica amósase fiel ao modelo social dos pobos indoeuropeos e concretamente célticos. Por unha banda cada tribo estaba encabezada por un rei, chamado princeps, do que se descoñece se este era elixido de entre a aristocracia local -sistema electivo- ou se pola contra formaba parte dunha liñaxe real -sistema hereditario-. Polos restos epigráficos coñecemos a existencia de dous reis ou principes galaicos, un da propia Lucus Augusti, do que só se sabe era fillo dun aristócrata chamado Veroblio, e outro chamado Nicer, fillo de Clutoso, e princeps dos albións. A existencia destes personaxes implica unha sociedade altamente xerarquizada e estratificada.

Apoiando militarmente a estes soberanos, é posible que cada tribo galaica contase cun grupo de nobres e guerreiros que proporcionaban protección á tribo e nos que probablemente recaia a administración local de cada castro dentro da tribo. O seu status social ao igual que os soberanos, amosábase non só no poder político, ou adquisitivo das súas pertenzas senón o uso de determinados obxectos simbólicos intimamente ligados ás clases altas da aristocracia como eran os torques.

Artigo principal: Lingua galaica.

No momento presente, non existe unanimidade entre os lingüistas de que o idioma ou linguas faladas polos galaicos formaban parte das linguas célticas continentais[6],[7], extintas hoxe en día. No entanto, reviste máis complexidade a adscrición de dita lingua celta á rama britónica ou goidélica, aínda que maioritariamente se estima máis achegada lingüisticamente á rama goidélica. Por outra banda, suponse que a lingua celta empregada polos galaicos debeu de ser moi semellante á do resto de pobos indoeuropeos no norte e oeste da Península Ibérica.

Por outra banda, o estudo do idioma ou linguas faladas polos galaicos atopa o seu maior atranco na carencia de rexistros escritos en dita lingua. Así, as fontes de estudo para esta son indirectas e case sempre presentes en inscricións epigráficas xa en latín, nas que se reflicten teónimos, antropónimos, hidrónimos e topónimos que permitiron mediante métodos comparativos identificar a onomástica galaica dentro das linguas célticas.

Relixión

[editar | editar a fonte]
Fonte do Ídolo, en Braga cunha inscrición de época galaico-romana, dedicada ao deus Tongoenabiago, se cadra outra denominación de Navia.

A través das inscricións galaico-romanas, coñécese parte do gran panteón divino dos galaicos, compartido parcialmente non só por outros pobos celtas ou celtizados peninsulares, tales como os ástures -principalmente os máis occidentais- ou lusitanos senón tamén polos galos ou britanos entre outros. Así destacan os seguintes:

  • Bandua: deus galaico da guerra similar ao deus romano, Marte. Gozou de gran popularidade entre os galaicos bracarenses.
  • Berobreo: deus do alén e do Outro Mundo. O maior santuario adicado a Berobreo documentado ata agora, situouse no castro do Facho de Donón, na Península do Morrazo fronte as Illas Cíes.
  • Bormánico: deus das augas termais similar ao deus galo, Bormanus.
  • Navia ou Nabia: deusa das augas, das fontes e dos ríos. No territorio da antiga Gallaecia, na Galicia actual coma no norte de Portugal, aínda perduran numerosos ríos co seu nome, como o río Navia, Navea, e mesmo no norte de Portugal aínda existe a fonte do ídolo, adicada á deusa Navia.
  • Cosso, Cossuo ou Cossuvo (Cossuve, Cossue en dat.) , deus guerreiro, que gozou de gran popularidade entre os galaicos lucenses, foi un dos deuses máis venerados na antiga Gallaecia. Varios autores apuntan a que Cosso e Bandua sexan o mesmo deus baixo diferente denominación.
  • Reva ou Reve, deus supremo asociado a cursos de auga, á xerarquía, á xustiza e tamén á morte.
  • Sannoava, deusa local vinculada as fontes segundo a inscrición achada en Campañó (Pontevedra). O seu nome pódese traducir por "rápido do río" e provén da raíz sn̥wa "moverse con rapidez" mais o sufixo abondancial -awa, de xeito que poderíase refacer como sn̥wa-awa. Este radical, non testemuñado en Hispania, e o mesmo que achamos nos antropónimos galos Sanuaca e Sanuanus.
  • Lug, Lugus ou Lucubo, deus solar por excelencia, ligado á prosperidade, ao comercio e aos oficios artesanais. A súa figura asociase á lanza. É un dos deuses máis comúns entre os pobos celtas e del derivan moitísimos topónimos por toda a Europa céltica, desde Galicia (Lugo, latinizado baixo a forma Lucus) ata Loudoun (Escocia), e dando nome incluso, a pobos da Gallaecia como os ástures Louguei.
  • Coventina, deusa da abundancia e da fertilidade. Fortemente asociada ás ninfas das augas, o seu culto rexistrase pola Europa máis occidental, desde Inglaterra ata a Gallaecia.
  • Endovélico, deus dos vaticinios e da curación, amosándose aos seus fieis nos soños.
  • Vestio Alonieco, deus solar comparado co deus Cernunnos polas representacións desta divindade como antropomorfo con coroa e cornos.

Poboación e distribución xeográfica

[editar | editar a fonte]

Grazas á arqueoloxía e aos datos censuais romanos, coñécense a densidade de poboación así como un número aproximado de habitantes -galaicos e ástures que terían vivido na Gallaecia. Así, segundo Plinio, os galaicos, repartidos entre bracarenses e lucenses sumaban un total de 451.000 habitantes, de xeito que os bracarenses contaban con 285.000 homes e mulleres, mentres que os lucenses rondaban os 166.000, amosando o dato unha densidade demográfica moito maior entre os bracarenses, corroborado pola existencia de grandes castros case exclusivos do seu territorio. Por outra parte, o censo de Plinio achega a cifra de 240.000 individuos para os ástures, sensiblemente menor que os galaicos bracarenses e que supón unha densidade demográfica moi baixa en relación co territorio ocupado.

Algunhas cidades, castros e citanias galaicas destacadas:

Galaicos destacados

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para galaico.
  2. Mapa dos pobos prerromanos Arquivado 05 de abril de 2016 en Wayback Machine., cara ao 200 a.C.
  3. Caamaño Gesto, José Manuel. A gran historia de Galicia. Cultura Castrexa. Volume 1: Ocupación do territorio e cultura material.
  4. Historiae Naturalis, páxina 50.
  5. As bisbarras persistentes, culturagalega.org.
  6. Xa Gorrochategui advertía que: en Gallaecia non todo é celta, senón que os datos, aínda que escasos e difíciles de valorar, apuntan a unha riqueza lingüística maior e a unha situación máis complexa. J. Gorrochategui “Gallaecia e as linguas prerromanas da Península Ibérica”, en AA.VV., Galicia fai dous mil anos. O feito diferencial galego, s.l. 1998, 15–49.
  7. Eugenio R. Luján Martínez, The Language(s) of the Callaeci (en inglés).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Galaicos

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy