Saltar ao contido

Deianira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Heracles e Deianira (Jan Gossaert (Mabuse), 1517, Barber Institute of Fine Arts, Birmingham)

Na mitoloxía grega, Deianira (en grego antigo, Δηϊάνειρα o Δῃάνειρα: literalmente, «que vence ós heroes») foi a terceira esposa de Heracles, e a que provocou a súa morte, se ben involuntariamente.

Era filla de Altea e Eneo, rei de Calidón, o que a fai irmá de Meleagro; outras fontes din que era filla do deus Dioniso, que en certa ocasión fora hóspede de Eneo [1].

Á morte de Meleagro, Altea suicidouse e as irmás choraron desconsoladas, ata que Artemisa as converteu en galiñas de Guinea pero, grazas ás súplicas de Dioniso, ela puido volver á súa forma humana, o mesmo que a súa irmá Gorxe [2].

"Golpean os seus amoratados peitos e acariñan sen cesar o corpo do seu irmán, e bésano e besan o féretro colocado na pira. Feito xa cinsas, recóllennas e apértannas contra o peito, e póstranse e bótanse sobre o túmulo, e abrazando o nome gravado na pedra, derraman bágoas sobre o seu nome. Ó fin, a Latonia[3] , saciada da ruína da casa de Partaón, fainas máis liviás e que crezan plumas nos seus corpos (a excepción de Gorxe e da nora da noble Alcmena[4]), e alonga os seus brazos e desprega alas neles, e converte as súas bocas en peteiros, e así cambiadas, bótaas a voar".
(Ovidio: Metamorfosis VIII, 536-546)
En primeiro plano, Heracles loita con Aquelooo; no fondo á esquerda, Aqueloo levándose a Deianira(1531-1576, Museo Metropolitano de Arte, Nova York)

Heracles, no cumprimento do seu undécimo traballo que lle encomendara Euristeo para expiar o asasinato dos seus fillos, tivo que descender ó Hades para capturar ó can Cérbero. No camiño nos Infernos atopouse con Meleagro, quen lle pediu que casara coa irmá, pois ó morrer el non tiña quen coidara dela [5]. Deste xeito, cando rematou o traballo e regresou á terra, foi ata Calidón a cumprir a súa promesa.

Deianira era unha muller guerreira, que practicaba a arte da guerra e sabía conducir un carro. Chegado a Calidón, Heracles pediulle a Eneo a man de Deianira, pero este contestoulle que se vira obrigado a darlla ó deus do río Aqueloo, que acababa de pedirlla en matrimonio. Heracles tivo que enfrontarse con Aqueloo e derrotalo, tras sucesivas transformacións deste en arroiada de auga, serpe e touro, conseguindo así o dereito a casar con Deianira.

"Cando Heracles arribou a Calidón, pretendeu á filla de Eneo, Deianira, e loitando pola súa man con Aqueloo, que tomara a aparencia dun touro, rompeulle un dos cornos. Desposou a Deianira e Aqueloo recuperou o seu corno a cambio do de Amaltea".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 7, 5)

O tempo do matrimonio en Calidón represéntase en cerámicas do século V a.C., pero será Jan Gossaert (Mabuse) quen mellor saiba representalos como ideal da parella feliz Deianira e Heracles tiveron varios fillos [6]: Hilo, Ctesipo, Gleno e Hodites. A lenda só recolle a descendencia de Hilo.

O centauro Neso cando intentou raptar a Deianira (Gustave Moreau, 1872-1873, Museo Paul Getty, Os Ánxeles)

Accidentalmente, Heracles provocou a morte de Éunomo, fillo dun parente de Eneo, e aínda que o pai da vítima, Arquítele, o perdonou, Heracles decidiu exiliarse coa súa dona a Traquis, onde Ceix era parente e amigo seu. Cando ían cruzar o río Eveno, tivo que pedirlle ó centauro Neso que levara a Deianira nas costas, mentres el cruzaba o río a nado. Pero no medio do río, Neso resolveu, por vinganza [7], raptar e violar a Deianira, e botouse a galopar río arriba. O heroe, tendo percibido as súas intencións, agardou a que alcanzase terra firme, e entón atravesoulle o corazón cunha das súas frechas envelenadas. O centauro Neso caeu ferido de morte, pero antes de morrer deu a Deianira a súa túnica convencéndoa de que o sangue que a manchaba sería, para ela, un precioso filtro amoroso, coa virtude de restituírlle o esposo, se este, en calquera momento, decidise abandonala. Outras fontes din que lle deu unha beberaxe contindo o sangue que brotaba das súas feridas. En calquera caso, ese sangue contiña o veleno mortal procedente da Hidra de Lerna, na que Heracles impregnara a punta das súas frechas.

[Neso] "mentres a levaba ó outro lado, intentou forzala. Heracles, ó escoitala gritar, feriu cunha frecha no corazón a Neso, que xa saíra do río. Cando estaba a piques de morrer, chamou a Deianira e díxolle que, se desexaba obter un filtro amoroso para Heracles, mesturara o seme que derramara na terra co sangue que manaba da ferida causada pola frecha. E ela así o fixo e gardouno".
(Pseudo-Apolodoro II, 7, 6)

En efecto, Heracles terminou namorándose de Iole, filla de Éurito, o rei de Ecalia. Este ofrecera a man da filla ó vencedor dun concurso de tiro con arco, e Heracles non dubidou en acudir. Heracles resultou vencedor pero Éurito negouse a permitir á súa filla casar con el [8]. Ante a negativa, Heracles tomou a Iole como amante, á forza. Hixino relata que Heracles tomou a cidade e matou os pais de Iole, na súa presenza, para doblegala, tralo cal enviuona a Deianira como escrava.

Heracles mandou ó seu compañeiro Licas onda Deianira para que lle trouxera unha capa nova para casar con Iole. Deianira, co fin de recuperalo, envioulle a túnica previamente rociada co sangue de Neso, e cando Heracles se vestiu con ela envelenouse e, non podendo aguantar as dores, lanzouse a unha pira funeraria e morreu. Cando Deianira comprendeu o engano do centauro, enforcouse.

Antes de morrer, Heracles pediu ó seu fillo Hilo que casara con Iole cando fose adulto.

Sófocles recolleu detalladamente a parella formada por Heracles e Iole (Traquinias), pero na arte gráfica non aparece, salvo en posibles escenas amorosas difíciles de identificar. Na Idade Moderna si que recollen este momento artistas como Tintoretto ou Anibale Carracci, pero ben poden reflictir unha confusión entre Iole e Ónfale, fundada nos textos de Ovidio, que non distinguen ámbolos personaxes.

A lenda conta que a tumba de Deianira estaba en Traquis (en Tesalia), onde sucederon estes feitos.

Euritión raptando a Deianira (Anónimo, c. 1600, Museo de Historia da Arte, Viena)

Dexámeno

[editar | editar a fonte]

Existe unha tradición que fai a Deianira filla de Dexámeno, rei de Óleno. Conta que este lle prometera a filla a Heracles, pero este marchou a unha das súas aventuras. Cando volveu atopouse con que o centauro Euritión obrigara a Dexámeno a concederlle a man de Deianira. Dexámeno pediulle axuda e Heracles matou a Euritión e á súa familia cando ía buscar á noiva o día acordado.

"Hércules chegou á corte do rei Dexámeno, como hóspede, desvirgou á súa filla Deianira e deu ó pai palabra de que a desposaría. Trala súa marcha, o centauro Euritión, fillo de Ixión e de Nube, reclamou a Deianira como esposa. O pai, temeroso do seu carácter violento, prometeu que a entregaría. Ó chegar o día acordado, presentouse cos seus irmáns para a voda. Pero Hércules acudiu, matou ó centauro e levouse á noiva".
(Hixino: Fábulas 33)

Non obstante, a maior parte das fontes dan o nome de Mnesímaca á filla de Dexámeno, e recollen este episodio como distinto do de Eneo e Aqueloo en Calidón. Grimal tamén recolle esta variante, e lembra a similitude da loita de Heracles e Euritión coa loita contra Aqueloo, neste caso, si, pola man de Deianira.

  1. "Deianira, á quen din algúns que enxendrou Altea de Dioniso" (Pseudo-Apolodoro: I, 8, 1).
  2. Véxase Pseudo-Apolodoro I, 8, 3, e Hixino: Fábulas 174. En nota a rodapé de Biblioteca mitológica, Julia García Moreno engade que se trata das aves denominadas Meleagrides (px. 67). O xénero Meleagris inclúe o pavo común; a galiña de Guinea recibe o nome científico de Numida meleagris.
  3. Artemisa era filla de Leto, que na mitoloxía romana, que é a que describe Ovidio, se chama Latona.
  4. Heracles era fillo de Alcmena, e polo tanto, Deianira era a nora desta.
  5. Outra versión di que Heracles, conmovido pola tristeza de Meleagro, preguntoulle se tiña algunha irmá e, cando soubo que Deianira vivía, ofreceuse a casar con ela.
  6. Catro ou cinco, segundo as fontes.
  7. Nun traballo anterior, cando Heracles debía capturar o Xabaril de Erimanto, os centauros atacáronlle e Heracles derrotounos, matando un bo número deles. Neso conseguiu fuxir, refuxiándose no río Eveno.
  8. Temeroso de que fose matar ós fillos que tiveran ambos, tal como fixera anteriormente cos fillos habidos con Mégara. Cómpre sinalar que foi o mesmo Éurito quen ensinou a Heracles, cando mozo, a disparar o arco (Pseudo-Apolodoro II, 4, 9).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy