Saltar ao contido

Paul Naster

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPaul Naster
Biografía
Nacemento19 de decembro de 1913
Lovaina, Bélxica Editar o valor en Wikidata
Morte12 de xuño de 1988
Lovaina.
Rexión Flamenga.
Bélxica Bélxica
País de nacionalidadeBelga.
Educación Universidade Católica de Lovaina.
Q89547790Estudos da Antigüidade grega e do Oriente Medio.
Actividade
Campo de traballoNumismática, arqueoloxía e filoloxía.
Ocupaciónhistoriador da arte, arqueólogo, filólogo, numismático, Asiriólogo Editar o valor en Wikidata
Membro de
Obra
DoutorandoSimone Scheers
Familia
CónxuxeLydie Marie Fernande Vande Mert (1939).[1] Editar o valor en Wikidata
Premios
- (1969): Premio quinquenal (CEN).
- 1985: Medalla da RNS.
- 1996: Medalla Huntington (ANS).

Paul Naster, nado o 19 de decembro de 1913 en Lovaina e finado o 22 de xuño de 1988 na mesma cidade flamenga, foi un numismático, filólogo, historiador e arqueólogo belga especializado na Antigüidade grega e no Oriente Medio.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Paul Naster naceu en Lovaina en 1913, fillo de Félicien Naster e de Marie Van Langendonck[1].

Naster desenvolveu na súa cidade natal practicamente toda a súa carreira académica. Logo de cursar a educación secundaria na súa vila natal, continuou coa súa formación superior na Universidade Católica de Lovaina, onde acadou as licenciaturas en Arqueoloxía e Historia da Arte (1934) e en Filoloxía Clásica (1935), e a diplomatura en Historia da Antigüidade (1935). Por outra parte, nesa época iniciouse tamén na numismática da man de Marcel Hoc. En 1938 doutorouse en Filoloxía e Historia Orientais, cunha tese titulada L'Asie mineure et l'Assyrie aux VIIIe et VIIe siècles avant J.-C. d'après les Annales des rois assyriens ("Asia Menor e Asiria nos séculos VIII e VII a. de C. segundo os anais dos reis asirios")[2], e trasladouse a Praga para continuar alí a súa formación en linguas semíticas, durante un curso, na Universidade Carolina. O inicio da segunda guerra mundial obrigouno a regresar ao seu país.[3][4]

Carreira académica

[editar | editar a fonte]

O 1 de marzo de 1939 ingresou na Biblioteca Real de Bélxica, xusto antes de ser mobilizado e de participar como suboficial na Batalla de Bélxica.[5] O 13 de abril de 1942 foi nomeado conservador adxunto do Gabinete de Medallas da Biblioteca Real, onde se reencontrou co profesor Marcel Hoc.[4] As coleccións do Gabinete proporcionáronlle a ocasión de perfeccionar os seus coñecementos numismáticos e comezou a facer publicacións sobre esta materia con regularidade, interesándose en todos os períodos da historia monetaria. Alí contactou tamén co numismático francés Colbert de Beaulieu, con quen estableceu amizade.[3]

A partir de 1941, comezou a súa carreira académica na Universidade Católica de Lovaina, desde 1952 como profesor titular, onde se dedicou á docencia en ámbitos diversos, entre eles a filoloxía oriental, a arqueoloxía e a historia da arte do Oriente Medio e da Grecia antiga, a numismática e a economía.[3][4] En concreto, as súas clases de numismática dividíanse en dous cursos: un sobre o mundo antigo e outro sobre as épocas medieval e moderna. Foi, xunto co etruscólogo Franz de Ruyt e o historiador da arte Jacques Lavalleye, un dos artífices da creación do Instituto de Arqueoloxía e de Historia da Arte de Lovaina, onde inicialmente impartiu tamén clases, tanto en francés como en neerlandés.[6] Ademais, tamén dirixiu diversas teses de doutoramento, entre elas a de Simone Scheers en 1943, unha das súas discípulas máis destacadas, que o sucedeu na cátedra logo do seu retiro en 1983.[7]

Cando a Universidade de Lovaina se dividiu en dúas comunidades lingüísticas a finais da década de 1960, el decantouse pola súa comunidade de orixe e comezou pasou a ensinar unicamente en lingua neerlandesa na denominada Katholieke Universiteit Leuven, ata o seu paso á condición de profesor emérito en 1983.[5][7]

Naster numismático

[editar | editar a fonte]

Desde os seus primeiros artigos, Paul Naster interesouse sinaladamente polos aspectos técnicos da cuñaxe da moeda, particularmente con estudos dos cuños e da metroloxía. Aínda que os seus traballos abrangueron períodos moi amplos e diversos (numismática celta, Oriente Medio, moeda carolinxia, tesouros dos séculos XV e XVI, etc.), centrouse particularmente na moeda da Antiga Grecia. A súa publicación numismática máis coñecida é o seu catálogo das moedas gregas da colección Lucien de Hirsch, editado en 1959.[3][8][9][1]

Naster foi membro da Comisión Internacional de Numismática e, en tal condición, presidiu entre 1971 e 1986, a subcomisión para a publicación de Sylloge Nummorum Graecorum.[2][3]

Entre 1949 e 1992 foi un dos directores da Revue Belge de Numismatique, e de 1961 a 1967 presidiu a Sociedade Real de Numismática de Bélxica, á que pertencía desde 1941. En 1974 foi nomeado presidente de honra da institución. En 1966, con ocasión do 125º aniversario desta institución, foi o primeiro presidente que usou a lingua neerlandesa, a súa lingua materna, nunha reunión.[10] O mesmo ano dirixiu un seminario de verán organizado pola American Numismatic Society na Universidade Columbia, de Nova York.[2]

Naster filólogo e arqueólogo orientalista

[editar | editar a fonte]

Noutras áreas da súa actividade científica distinguiuse principalmente como especialista no Oriente Próximo e Medio e foi un destacado especialista en Asiria. Como filólogo, Naster estudou as táboas cuneiformes, o texto de Gilgamesh, o código de Hammurabi, os anais dos reis asirios e os documentos arameos de Elefantina. Como arqueólogo, participou nas escavacións de Apamea en Siria e xogou un papel destacado como presidente fundador do Comité Belga das Escavacións en Xordania e na organización de escavacións do sitio nabateo de El Lahun, e dirixiu varias campañas a partir de 1979.[5][1] Así mesmo, foi membro da Academia Real de Arqueoloxía de Bélxica (1966)[1], e membro fundador da Asociación Asiriolóxica Georges Dossin (1976)[2] e do Comité Belga para a Historia, a Epigrafía e a Arqueoloxía de Mesopotamia.[3]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

No seu país foi honrado coa Cruz de Guerra e foi nomeado cabaleiro da Orde de Leopoldo II.[1]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Preséntase a seguir unha listaxe das monografías publicadas por Paul Naster, así como unha escolma dos seus artigos publicados na Revue Belge de Numismatique:[13][14]

Monografías

[editar | editar a fonte]
  • (1938). L'Asie Mineure et l'Assyrie aux VIIIe et VIIe siècles av. J.-C, d'après les Annales des rois assyriens. Bureaux du Museon, Lovaina.
  • (1941). Chrestomathie Accadienne. Bureaux du Muséon, Lovaina.
  • (1959). La Collection Lucien de Hirsch. Catalogue des monnaies grecques. Cabinet des médailles, Bibliothèque Royale, Bruxelas.
  • (1960). Grammaire accadienne (con G. Ryckmans). Pub. universitaires, Lovaina.
  • (1973). Survey of numismatic research 1966-1971 (con J. Yvon e L. Nemeškal). Internatrional Numismatic Commission, Nova York.
  • (1980). L'Enfant dans les civilisations orientales (con A. Théodoridès e J. Ries). Éd. Peeters, Lovaina. ISBN 9782801701249
  • (1983). Vie et survie dans les civilisations orientales (con A. Théodoridès e J. Ries). Éd. Peeters, Lovaina.
  • (1983). Scripta Nummaria. Contributions à la méthodologie numismatique. SRNB / Louvain-la-Neuve, Bruxelas.
  • (1986). Archéologie et philologie dans l'étude des civilisations orientales (con A. Théodoridès eJ. Ries). Éd. Peeters, Lovaina.
  • (1988). Humour, travail et science en orient (con A. Théodoridès eJ. Ries). Éd. Peeters, Lovaina.

Escolma de artigos

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 De Callataÿ, F. (2003). Páxina 271.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 De Callataÿ, F. (2003). Páxina 270.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Scheers, S. (1998-a-).
  4. 4,0 4,1 4,2 De Callataÿ, F. (2003). Páxina 269.
  5. 5,0 5,1 5,2 Donceel, R. (1998).
  6. Hackens, T. (1997). "La genèse du département d’archéologie et d’histoire de l’art". En Brulet, R. e Hackens, T. Cinquantième anniversaire du département d’archéologie et d’histoire de l’art. Louvain-la-Neuve. Páxinas 17-18.
  7. 7,0 7,1 Claes, L. (2016).
  8. De Callataÿ, F. (2003).
  9. Véxase (1959) en Publicacións - Monografías".
  10. Colaert, M. (1991). "A travers cent cinquante années d'histoire de la Société royale de numismatique de Belgique". En Revue belge de Numismatique, CXXXVII. Páxina XXXIX.
  11. "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
  12. "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
  13. "Naster, Paul 1913-1998 Arquivado 28 de xullo de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
  14. "Paul Naster (1913-1998)". Bibliothèque nationale de France.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Claes, L. (2016). "Docendo Discimus: The history of Numismatic Education in Belgium...". En Moens, J. (Ed. ). Colloquium Belgiam Numismatics In Perspective. Páxinas 23.
  • De Callataÿ, F. (2003). "Naster, Paul". En Nouvelle Biographie Nationale 7. Académie royale des sciences, des lettres et des beaux-arts. Páxinas 269-271. ISSN 0776-3948
  • De Smedt R. (1999). "Le professeur Paul Naster (1913-1998)". En Bulletin d'information. Bibliothèque royale de Belgique. 43. Nº 1. Páxinas 13-27.
  • Donceel, R. (1998). "In memoriam Paul Naster". En Revue des archéologues et historiens d’art de Louvain. Vol XXXI. Páxinas 183-184.
  • Mertens, J. (1982). "
  • Scheers, S. (1998-a-). "Paul Naster". En Revue belge de Numismatique.144. Páxinas 223-225.
  • Scheers, S. (1998-b-). "Paul Naster". En Compte Rendu, 45. Commission Internationale de Numismatique. Páxinas 66-67.
  • Wynants, B. (1998). "In moriam Paul Naster (1913-1998)". En Bulletin du Cercle d’Études Numismatiques, 35. Páxina 75.
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy